Co gallo dos últimos acontecementos en Grecia, aparecía na web da FPG un
interesante artigo nomeado “Da fascinación esquerdista cos fogos de artificio”[1], firmado por Moncho Lareu.
Nel fala do apoio recibido pola coalición reformista Syriza desde distintos
sectores da esquerda autóctona, e fai una loábel defensa do papel do KKE na
loita de clases en Grecia. A análise é a
grandes trazas atinada, máis cumpre facer varias observacións á calor dos
cambios recentes no panorama político galego. Pois cumpre atender non só á
mensaxe para entendermos o texto, senón tamén ó emisor, e é aquí neste caso
cando nos xorden as contradicións.
Os cambios ós que nos referimos son, por un lado, a constitución dunha nova
organización política no galeguismo de esquerdas, ANova, na que conflúen
diversas organización políticas (entre a que se inclúe a do propio Lareu). E,
por outra banda, as declaracións da coordinadora xeral de Esquerda Unida na
Galiza, Yolanda Díaz, nas que facía un chamamento á construción dunha “Syriza
galega”[2].
Debemos comezar sinalando que aqueles que nos consideramos marxistas, e por
ende, utilizamos o materialismo dialéctico para elaborar as nosas análises, partimos
da necesidade de coñecer e estudar a realidade material na que nos movemos, e a
partires de ela, elaborar a nosa estratexia e a nosa táctica como comunistas.
Como subliñaba Giorgos Marinos, do Comité Central do KKE, “o curso da maduración
das condicións materiais pode ter diferente ritmo dun Estado a outro debido ao
desenvolvemento desigual do capitalismo e os comunistas estudan este elemento.
Con todo, obxectivamente, o carácter da época como época de transición do
capitalismo ao socialismo adquiriu dimensións mundiais e isto concirne a todos
os países capitalistas onde se desenvolveu o capitalismo monopolista, concirne
tanto aos Estados imperialistas fortes como aos Estados como Grecia que teñen
unha posición subordinada no sistema imperialista”[3]. E outro tanto poderíamos
dicir para Galiza, por moito na “periferia” que a queiramos situar. O tempo das
revolucións democrático-burguesas rematou.
Non obstante, nun momento de crise estrutural do capitalismo, algunhas
capas sociais que son constantemente agredidas e empurradas cara a
proletarización (a pequena burguesía, o campesiñado, mesmo a aristocracia
obreira...) reaccionan e tentan volver a unha situación anterior, na que os
medios de produción seguen en mans privadas pero a distribución é máis “social”
(en aras, todo sexa dito, de gañar a simpatía dos traballadores en competencia
co bloque socialista). Esta é a forza motriz que impulsa a creación nestes
últimos tempos de diversas “Frontes amplas”: o Bloco de esquerdas, Syriza, mesmo
o pacto entre EU e o PSOE en Andalucía nace con este mesmo propósito de
“combater o neoliberalismo”. Ningunha de estas frontes acadou nunca melloras significativas para a clase
traballadora. Tódalas súas receitas, máis ou menos imaxinativas, ignoran que o “capitalismo de rostro humano” que preconizan non é se queira
factible no marco actual da loita de clases, pois a tendencia actual é a de o
incremento constante da explotación da clase obreira para recuperar a taxa de
ganancia do capital. O capitalismo, na súa fase senil, xa non ten solucións que
ofrecer á clase traballadora.
Co mesmo espírito de nace na nosa Galiza
Anova – Irmandade Nacionalista, recollendo os principios inspiradores da
revolución burguesa de 1789 de “igualdade, liberdade, fraternidade e laicidade”, todo aderezado con toques
do altermundialismo e a posmodernidade.
Por outra banda, a proposta de Yolanda non ten nada
de novo, pois é, como sinala Ferran Nieto en referencia á mesma proposta en
Catalunya[4],
“moi parecida á proposta
fundacional de EUiA, na frustrada "refundición" de EU, nas Mesas de
Converxencia, etc... O único innovador é o nome ". É dicir, unha loita por
ampliar a base social do reformismo, e de paso, os escanos no parlamento.
Até aquí os feitos. Agora é cando veñen as
contradicións:
1. É para os comunistas preciso neste intre unha “fronte de esquerdas”?
Primeiro cumpre sinalar que o termo “esquerdas” xorde na Revolución Francesa
para denominar á facción máis progresista da burguesía. O proletariado tivo a
ven aliarse con esta capa social mentres algo de revolucionario quedou nela,
para rematares a transformación democrático - burguesa e eliminar os restos do
feudalismo, ou loitar contra o máis agresivo fascismo. Pola contra, se agora
asumimos que o capitalismo atópase na súa fase última, a clase social que o
sustenta xa non ten nada que ofrecer ó pobo. Toda reforma que se propoña en beneficio do pobo é un engano e é
irrealizable (ou ben será unha gota nun mar de ataques). Polo tanto, propostas
como a “democracia participativa” que propón ANova, sen ningún contido de
clase, son falsas, unha calexa sen saída, irrealizábeis dentro do capitalismo.
O poder, a democracia, será burguesa ou obreira-popular. Non hai creacións
intermedias.
2. Seguen sendo a día de hoxe os Partidos Comunistas “ferramentas indispensábeis e imprescindíbeis para
a defensa do proletariado” como afirma Lareu? A resposta non pode ser máis que
afirmativa. Así o demostra a historia. Os únicos avances e conquistas
democráticas para o pobo conseguíronse grazas á mobilización sostida de
obreiros e obreiras con conciencia de clase revolucionaria e organizada en
fortes Partidos de Clase (por enriba das “esquerdas”). Pola contra tras a
desviación eurocomunista e a pérdida do carácter de clase (moitas veces diluída
nestas “frontes amplas”), non viñeron máis que derrotas, ate o punto de que a
xornada laboral de oito horas é moitas veces un mero recordo.
Fai máis de cento
cincuenta anos, Marx e Engels escribiron no Manifesto Comunista que “chegou o
momento de que os comunistas expoñan á face do mundo a súa maneira de ver, os
seus fins e as súas tendencias”. Mais aínda agora vemos moitos herdeiros desta
nobre tradición dilúen as súas lexítimas reivindicacións en “programas de
mínimos” en aras da unidade. A unidade sen dúbida é importante, pero, para qué?
Con quén? Os e as comunistas debemos dicir ben alto e ben claro que o que
queremos, o que precisamos, é o socialismo. Dicímosllo ós da nosa propia clase,
a clase traballadora, a máis interesada obxectivamente en conquistalo, e
unímonos con ela dende a base, nos nosos centros de traballo ou estudo, nos
nosos barrios. E unímonos con ela (e coas organizacións das que se dote) para a
loita cotiá e para unila á loita pola sociedade socialista. Loitamos pola
construción dunha Fronte Obreira e Popular polo Socialismo.
O que está claro é que
non se pode defender ós traballadores e pactar co PSOE e cómplices ó mesmo
tempo, como non se pode defender o “benestar” sen saír da UE (que EU tanto
defende). Non se pode, como di Yolanda, defender á clase traballadora e ó
Estado do Benestar. Non se pode apoiar ó KKE constituír unha Syriza ó mesmo
tempo. Non se pode, en definitiva, estar en Atenas e en Santiago ó mesmo tempo.
This comment has been removed by the author.
ReplyDeleteParabéns polo artigo, e por esta iniciativa de debate e análise.
ReplyDeleteUn saúdo comunista!